Lunes, 26 de mayo de 2008

Como entendemos que puede ser de interés para cualquier Asociación de Ribadeo este documento lo transcribimos en el blog:

Correspóndelles aos poderes públicos facilitar a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social, como instrumento que propicie o libre desenvolvemento da personalidade, fundamento da orde política e da paz social.

O dereito da cidadanía a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, debe promoverse e expresarse en todos os ámbitos, tanto en referencia ás persoas individualmente consideradas, como respecto aos grupos de diversa natureza na que se integran.

Os artigos 69, 70 e 72 da Lei de bases do réxime local (7/85) e o seu Regulamento de Organización (Decreto 2.568/86) regulan diversos aspectos desa participación cidadá na vida pública municipal e, de maneira singular, a participación veciñal en consellos sectoriais a través de asociacións xerais ou sectoriais, tendo en conta tanto a súa especialización como representatividade.

A Concellería da Muller propón aos colectivos de mulleres, á Comisión Informativa e finalmente ao Pleno do Concello de Ribadeo unba normativa particular para artellar o funcionamento, composición e outras especificacións necesarias para garantir o dereito de participación na vida municipal das cidadás de Ribadeo na que se atende as características específicas do colectivo social ao que vai dirixido e ás particularidades organizativas que lle son propias.

ARTIGO 1.- OBXETIVOS DO CONSELLO MUNICIPAL DA MULLER

- Estudiar e emitir informes sobre os temas que considere de interese para a muller.

- Promover e dar prioridade ás iniciativas da Concellería e doutras institucións, derivadas das análises, estudos e demandas realizadas sobre temas relativos á muller.

- Potenciar a coordinación entre as institucións que actúen neste eido en Ribadeo.

- Propoñer actuacións e acordos ás diversas concellerías, á Corporación, aos consellos municipais e a cantas outras institucións incidan coas súas actuacións, ou coas súas omisións, no ámbito da muller.

- Analizar as actuacións e intervencións que no ámbito da muller se produzan no municipio para darlles resposta.

- Información, debate e difusión dos temas e dereitos das mulleres.

- Promover a presenza e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

- Apoio e fomento do asociacionismo das mulleres para acadar maior participación e solidariedade.

ARTIGO II: COMPOSICIÓN

- Presidencia: Alcalde ou Concelleiro/a en quen delegue.

- Un/unha representante de cada grupo municipal existente na Corporación.

- Unha representante de cada unha das asociacións de mulleres do Concello de Ribadeo, que deberán estar inscritas como tales no Rexistro Municipal de Asociacións.

- Unha representante de cada unha das Secretarías da Muller dos sindicatos con representación no municipio.

- Unha representante do Servizo Galego para a Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

- Unha representante de cada unha das asociacións de veciños.

- Unha representante do sector educativo.

- Unha representante do sector da Sanidade.

- Unha muller empresaria designada por ACISA.

- O/A axente de emprego e desenvolvemento local.

ARTIGO III.- RÉXIME INTERNO

Estrutura interna.

Comisións de traballo:

- Formación, emprego e relacións laborais.

- Violencia de xénero e imaxe social.

- Saúde e sexualidade.

- Atención social e reparto de responsabilidades

- E calquera outra que o Consello considere oportuna.

ARTIGO IV

As actas do Consello Municipal da Muller terán carácter de documento público.

DA VICEPRESIDENCIA

A Vicepresidenta será elixida polo Pleno do Consello entre as conselleiras que non formen parte da Corporación Municipal na primeira sesión logo da constitución do Consello Municipal da Muller.

Para ser elixida vicepresidenta requírese a maioría absoluta dos votos das conselleiras na primeira votación. De non reunir ningunha candidatura esa maioría, resultará elixida na votación seguinte a que acade máis votos.

Serán as súas funcións:

1. Auxiliar a Presidenta do Consello Municipal da Muller nos asuntos que esta o requira.

2. Suplir as funcións de presidenta, por delegación desta, ausencia, enfermidade ou calquera circunstancia que impida a presenza da presidenta na reunión.

DA SECRETARÍA

Será o Secretario Xeral da Corporación ou funcionaria/o en quen delegue. A este correspóndelle levantar acta de cada sesión na que figurarán os acordos adoptados e as incidencias que sexan procedentes para reflectir fielmente a sesión, e facilitarlles a documentación necesaria ás conselleiras.

As actas serán asinadas polo Secretario/a co visto e prace da presidencia e serán sometidas para a súa aprobación ó inicio da seguinte sesión. Asisitirá as sesións con voz pero sen voto.

ARTIGO VIII. DAS COMISIÓNS DE TRABALLO

O Consello Municipal da Muller decidirá a constitución de comisións de traballo, con carácter temporal ou permanente, segundo os intereses, necesidades e posibilidades do Consello.

As Comisións de traballo elaborarán informes, estudos e propostas de actuación na materia da súa competencia.

Poderán participar nas comisións de traballo aquelas persoas que sexan requeridas polo Consello, invitadas pola súa presidenta ou que o soliciten formalmente diante deste organismo, para emitir informe técnico ou formular cuestións que lles afecten directamente a elas ou ao colectivo que representan.

A presidencia, logo de vista e aprobada por maioría do Consello a proposta, nomeará á coordinadora de cada comisión que, pola súa vez, debe formar parte do Consello Municipal da Muller.

Serán competencias da coordinadora impulsar e coordinar as actividades da comisión correspondente así como exercer a súa representación.

ARTIGO V

A convocatoria das sesións ordinarias deberá realizarse cunha antelación mínima de cinco días sobre a data da xuntanza. A Concellería da Muller, en coordinación coa Secretaría Xeral do Concello no lugar destinado para este efecto, porá a disposición das conselleiras a documentación necesaria para o adecuado desenvolvemento das súas tarefas.

ARTIGO VI. RÉXIME DE SESIÓNS.

O Consello Municipal da Muller será convocado cando menos unha vez cada catro meses. Poderá convocarse con carácter extraordinario cantas veces o decida a súa presidenta, acorde ao Pleno ou así o soliciten formalmente os 3/5 das súas conselleiras.

As sesións extraordinarias serán convocadas no prazo máximo dos tres días hábiles seguintes á data de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. O Consello extraordinario deberá realizarse nun prazo de vinte días a contar dende o momento da convocatoria, salvo caso de forza maior.

As decisións deberán tomarse por consenso e, de non ser posible, por maioría simple das conselleiras, agás naqueles casos en que o Regulamento de réxime interno esixa maiorías cualificadas.

ARTIGO VII. DA MESA DO CONSELLO

O Consello Municipal da Muller contará cos seguintas cargos unipersoais de responsabilidade, que formarán a Mesa do Consello:

- Presidencia

- Vicepresidencia.

- Secretaría

DA PRESIDENCIA

A Presidencia ostentarase polo Alcalde-Presidente ou concelleira/o da Corporación municipal en quen delegue. Será función de Presidencia:

1. Convocar e presidir as reunións.

2. Preparar a orde do día.

3. Ordenar os debates e someter a votación os acordos.

4. Executar os acordos do Consello.

ARTIGO IX. ELECCION DAS CONSELLEIRAS

As integrantes do Consello Municipal da Muller serán renovadas, aínda que poden ser designadas as mesmas persoas, cando se renoven os membros da Corporación e no prazo máximo de tres meses despois de constituída. A presidencia dirixirase ás institucións e organizacións interesadas para proceder a designar as novas conselleiras. En caso de que se produzan cambios internos na directiva das asociacións representadas no Consello deberán ser comunicados á Concellería da Muller coa maior brevidade posible.

O nomemamento das conselleiras-vocais formalizarase por resolución da Alcaldía, á recepción da proposta da Asociación, Entidade ou organismo ó que representen. Para cada cargo designarase un titular e un suplente pola persoa xurídica a que representen.

ARTIGO X

Presidencia: Designación de Alcaldía.

Vicepresidencia: Elección polo Pleno do Consello Municipal de Muller.

Un/unha representante de cada grupo municipal.

As representantes de cada asociación serán elixidas polas asociacións que representan.

As representantes dos sectores educativo, sanitario e empresarial serán elixidas polos sectores que representan ou de non exisitir unha fórmula organizativa ou asociación representativa serán designadas pola Alcaldía entre profesionais do sector do que se trate.

As representantes das asociacións de veciños, barrios e parroquias de Ribadeo serán escollidas en cada asociación.

ARTIGO XI

O nomeamento de calquera integrante do Consello poderá extinguirse por:

- Revogación por parte da entidade á que se representa.

- Por falecemento en renuncia expresa da interesada.

- Pola non asistencia inxustificada a tres reunións ordinarias consecutivas ou a cinco alternas no prazo de un ano.

- Por cada conselleira poderá designarse unha suplente que asista ás xuntanzas e participe das tarefas da titular por ausencia xustificada desta.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

PRIMEIRA

O Consello Municipal da Muller aprobará a súa composición que deberá ser posteriormente ratificada polo Pleno da Corporación Municipal.

Asemade aprobará o seu calendario anual de xuntanzas ordinarias.

SEGUNDA

O propio Consello Municipal da Muller aprobará para o seu funcionamento un regulamento interno.

O presente Regulamento, conforme ó disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, entrará en vigor o día seguinte da súa publicación íntegra no BOP e unha vez transcorrido o prazo de quince días a que fai referencia o artigo 65. 2 da mesma Lei.

O que se fai público para xeral coñecemento facéndose constar igualmente que o presente acto pon fin á vía administrativa e que contra o mesmo, de conformidade co previsto nos artigos 25 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do T.S.X.G. no prazo de dous meses a contar dende o día seguinte ó da publicación. Todo isto sen prexuízo de que poida interpoñer calquera outro recurso que se estime conveniente.

Ribadeo, 26 de abril de 2005.- O Alcalde, Balbino E. Pérez Vacas
Publicado por a333 @ 17:35
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios