Viernes, 15 de agosto de 2008
 Por Eduardo Gutiérrez Fernández

Podería hoxe seguir o ronsel dun sonado escritor que comezou no eido da narrativa  trocando os pronomes enclíticos polos proclíticos, avanzou tecendo erros xeográficos magnificamente pagados —ao tempo que criaba dúbidas sobre a institución que o acolleu como escribidor—, e acaba de facer unha curiosa metonimia: espallar a crítica a el dirixida ao conxunto dos escritores. O caso é que falando das estelas que deixan os navios, algúns mesmo poden compoñer dúas, concretamente se falamos de catamaráns. En fin que baixo tal inspiración —e confiando en que alguén se decate do paralelismo—, direi, totalmente á marxe do anterior, que sen sair do lugar onde habito fun convidado a falar para facer o pregón dunha romaria certamente singular, e iso levoume a reparar na figura do pintor Amando Suárez Couto, estudada polo lucense Evaristo Correa Calderón que denominou como racial a súa arte nun sonado libriño editado en 1925 por ‘Ronsel’.

Nado en 1894 o pintor adscrebeuse ao galeguismo, e foi determinante en tarefas que o acreditan coma tal na súa vila natal de Ribadeo, como a fundación e dirección do Coro ‘Cantigas da Mariña’ en 1924, aparte da decisiva colaboración na Biblioteca Popular Circulante tres anos despois. Sostivo unha fonda amizade con Francisco Lanza e ilustrou o seu ‘Ribadeo antiguo’ con gravados en buxo, ademais de promover a súa edición: un belido libro dixo Otero Pedraio na segunda edición da súa ‘Guia de Galicia’, de 1945. De certo que o é, até o ponto de que as reedicións deberon facerse en facsímile exacto, isto é sen  redución, para mellor aprezar as requintadas xilografías.

Mais cinxindo esta nota á primeira etapa vital e artística de Suárez Couto, ou sexa a anterior a esa cesura que foi a guerra civil, e mesmo restrinxíndoa aos seus aspectos máis inéditos, cómpre subliñar a veta galeguista de Amando Suárez, de parte da cal temos testemuño mercé á súa relación con dous emigrados da súa vila natal residentes en Buenos Aires: o tamén pintor  Clemente López Pasarón, directivo da Sociedade Nazonalista Pondal e redactor do seu órgano ‘A Fouce’, e tamén co que seria co-director de ‘Céltiga’, Eliseo Pulpeiro. O primeiro ocúpase de Suárez Couto en 1926 na súa sección Os Nosos: ''Poucas veces a persoalidade glosada por nós correspondeu tan fondamente co título desta sección coma hoxe ao tratar da vida e da arte de Suárez Couto, tan galego de feitos como de sentimento, pois a súa vida coma súa arte exaltan todo o que ten de grande a nosa Patria''. Da correspondencia con Pulpeiro deitase o seu compromiso galeguista: en 1929 fala dos ‘irmáns’ na causa e cavilando sobre a necesidade dunha ‘Céltiga’ aquí di que ''non é posible nada parecido, pois non vos dades ideia do réxime estreito a que vivimos sometidos os probes habitantes deste chan, digno, abofé, de millor sorte''. Por certo que a preocupación polo progreso material do seu país é compartida polo seu irmán Henrique, enxeñeiro agrónomo e precursor do ensino agrario na comarca. Mais o espazo impón continuar noutra ocasión/http://elprogreso.galiciae.com/nova/15057.html


Publicado por a333 @ 13:04  | amandosuarezcouto
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios