S?bado, 16 de agosto de 2008
Eduardo Gutiérrez.

 A ninguén se lle ocultan as dificuldades inherentes ao patrimonio cultural, desde a investigación á xestión, que inclúe a protección e a exhibición entre outras cuestións conexas e, en fin de contas, a financiación. Sobre todo isto as discusións a nivel teórico e prático foron e ainda son abondosas, comezando pola idoneidade do modelo de parques arqueolóxicos —para algúns, trasunto dos parques temáticos—,  e rematando polo límite orzamentario que supoñia e supón, xa que segue vixente, a Cidade da Cultura. Con esta especie de sangria a curto e a longo prazo, vai ser difícil ver algún día restaurado e visitable o castelo de Pambre, verdadeiro fito da nosa idade media, e un exemplo paradigmático do que se chama demanda social en materia de patrimonio cultural e que é abondosa ao longo de toda a xeografia galega. Naturalmente o agarimo polo propio, o vencello co pasado constitúen riscos sumamente positivos, por mais que as demandas  teñan que ser avaliadas como paso previo a calquer actuación consecuente.

Pero á marxe desa consideración tan invocada do carácter limitado dos recursos públicos, non é menos certo que no ámbito da cultura, alén do estritamente departamental, haberia que considerar se moitas desas iniciativas orientadas á recuperación da conciencia do país e dos seus símbolos e figuras, non estarian mellor concretadas en actuacións de carácter menos voluble e mais permanente, porque a recuperación e posta en valor de moitos dos elementos que conforman o patrimonio cultuiral, quizais deitarian resultados igualmente positivos, alonxados de continxencias discutibles e submetidas ás intemperancias de xestores cuxa mellor capacidade consiste na aplicación prática de “cada maestriño co seu libriño” como explicación de dislates e improvisacións varias.

É certo que non hai concello que non aspire á recuperación, rehabilitación, musealización, posta en valor, etc. de algún elemento de seu; pero aparte dunha mellor orientación xeral da política autonómica, á que antes aludimos, compre tamén unha corrección no ámbto municipal: as abultadas partidas destinadas a fogos artificiais disfrazados de cultura, a insistencia en programacións de dubidosa rendabilidade, o baleiro na creación de infraestrutura como soleira para a propia actuación e implicación cultural da sociedade, preferible á simples oferta de espectáculo, deberian levar a considerar o desvio de partidas especificamente orientadas á recuperación do patrimonio cultural.

Quizais estas reflexións poidan ter algunha utilidade para esa asociación ribadense entregada á recuperación do castro das Grobas na parroquia de Vilaselán, situado á beira do mar e que conta con catro imponentes foxos que fan honor ao seu nome. En calquer caso, xunto con Pambre, exemplos de demanda social a prol do patrimonio.http://www.galiciae.com/


Publicado por a333 @ 8:58
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios