Lunes, 26 de enero de 2009
Eduardo Gutiérrez .

A nosa vella amizade, Tcheng Tse, é o meu máis prezado tesouro porque estamos nunha idade na que o pasado ten máis perfume que un pequeno bosque de lilas en flor». Un vello profesor meu estampou esta frase, do xaponés Okakura Kakuzo, á fronte dun seu artículo, hai xa moitos anos. Teria que buscalo pero, en principio, voume acoller ao mais importante: acae para o introito desta columna dedicada a un amigo que acaba de falecer: Xosé Luis Trashorras. Os seus dados biográficos fundamentais xa foron espallados polos medios de comunicación, xunto coa circunstancia da súa temperán morte. E o feito de nos acoller ao texto inicial ten o seu aquel, porque na peripecia biográfica de Trashorras quizais a amizade foino todo, ou case. Por ese imperativo de desprendimento intrínsico a tal virtude, ingresou na política —finais dos setenta, claro—, a pesar de que as siglas ás que se adscrebeu non cadraban totalmente co seu talante; respostou ao requerimento das súas amizades de sempre e, quizais polo mesmo, deixou a política chegado o momento e xusto cando os daquela ‘seus’ estaban ainda na cima da onda. Ë certo que alguén dirá que eran outros tempos políticos e tampouco lles imos quitar totalmente a razón, pero eu creo que a cuestión nen era nen é de tempos, senón de persoas: eran outras as que ocupaban o cenario político e lle impuñan á acción institucional outros modos, cando menos no ámbito do que estamos a falar que é, obviamente, o local.

Porque Xosé Luis Trashorras ocupou a alcaldia de Ribadeo nunha época na que o grupo ao que pertecia dispuña de maioria absoluta. Con todo, ofereceu a quen isto asina unha delegación (a de Turismo e Xuventude) e mais unha tenencia da alcaldia. E mesmo o deixou por uns dias á fronte do Concello para escándalo do sector de estribor do partido ao que ainda pertecia, pero co que cada vez discrepaba mais, como moi axiña se veu. Nas eleicións seguintes non foi candidato e, ao pouco, abandonou aquelas siglas nas que —como noutras que tivemos oportunidade de coñecer—, primaban as cambadelas, a puñalada, o oportunismo e o desprezo a todo o que non fora obediencia debida. Pero a súa posición nunca variou nen polo que fai ás actitudes de raigaña fondamente democrática nen ao sentimento galeguista, sen aspaventos nen presunción: lembro perfectamente con qué lediza nos dou a noticia do cambio de nome da entidade crediticia da que era conselleiro, que resultou galeguizado na súa totalidade e que nós lembrábamos sempre que subiamos pola rúa do Hórreo da capital de Galiza.

Lamentamos, pois, a morte dun bó home «en el buen sentido de la palabra» que dixo o poeta. Botaremos de menos, o seu irónico humor, as compartidas lembranzas de tempos idos, o seu siso político e a radical e sincera sinxeleza. Raras virtudes nos tempos que corren.

07/01/2009 http://elprogreso.galiciae.com/nova/22936.html


Publicado por a333 @ 20:40  | nombrehistoriarib.contem
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios