Viernes, 07 de octubre de 2011

05/10/2011 - Eduardo Gutiérrez

MORREU O NOSO PROFESOR de Historia dos anos de bacharelato, Juan Suárez Acevedo. Un magnífico docente e unha boa persoa, continuador e herdeiro de figuras destacadas da sua familia, pois era fillo de Enrique Suárez Couto, o enxeñeiro agrónomo autor do avanzado e modélico proxecto da Escola Agrícola Pedro Murias. E sobriño dos irmáns Carlos e Amando Suárez Couto, ambos e dous xenerosos emprendedores de tarefas importantes para Ribadeo; e o segundo destacado ilustrador e pintor, ademais de entusiasta galeguista xa desde o tempo das Irmandades da Fala.

Don Juan, como lle chamábamos, era un referente, unha especie de oasis de civilidade, que cobraba máis valor naqueles esgrevios anos de formación ‘del espíritu nacional’ e de correaxes, e de efemérides tan estarrecentes como o día da dor, ou do estudante caído, e de escuadras facendo guarda baixo os luceiros. Qué tempos!

Estudou en Madrid, ao cuidado dos seus tíos, nun ambiente ilustrado e aberto. De formación liberal e convicións democráticas, era quen de converter a historia en algo ameno e útil, que tiraba do interese dos alumnos. Escollía moi ben tanto os exemplos como as anécdotas, e eran frecuentes as referencias á historia local. A ela dedicou a sua atención con algúns estudos e varios artículos, moi ben escritos e de cuidada linguaxe, pois que a elegancia no decir e o fino humorismo eran cualidades que o distinguían. Folga decir que era unha persoa moi culta e de agradable conversa. Ë unha mágoa que a sua produción non sexa máis ampla, quizais debido a que o que lle ía vocacionalmente era o ensino e, xa que logo, excitar aos demais a investigar e a escreber. Son testemuña do seu perseverante seguimento da traxectoria dos seus alumnos. Ás veces chamaba por teléfono, para convidar a unha tertulia na sua casa de Guimarán, outras conversaba na rua, á ida ou á volta da diaria recalada no quiosco e, periodicamente, enviaba unha nota escrita -E.S.M.-, un medio de relación que, infelizmente, é cada vez máis escaso. Lembro que nunha ocasión fíxome chegar unhas rexoubantes liñas nas que daba conta de que lera un breve traballo da miña autoría. Por el intuía que andivera remexendo no faiado da casa de Casas, o actual Concello onde estaba o arquivo e no que, advertíame, moraban uns animaliños que a el lle producian un certo repelús.

Tivemos o honor de facer a presentación do Pregón das Festas, que pronunciou no ano 1979, nun Teatro de Ribadeo con ampla presenza de antigos alumnos. Foi unha especie de derradeira lección do noso mestre. Botarémolo de menos porque, reporoducindo unha cita dun poeta xaponés, que Suárez Acevedo colocou como divisa nun seu artículo, «A nosa vella amistade (&hellipGui?o é o meu máis prezado tesouro, porque estamos na idade na que o pasado ten máis perfume que unha chousa de lilas en fror».


Publicado por a333 @ 6:50  | nombrehistoriarib.contem
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios