Viernes, 09 de enero de 2015

SOBRE PLACAS E NOMES

Eduardo Gutiérrez

Como é sabido, o Concello decidiu proceder á elaboración e colocación de novas placas rotuladoras das rúas, particularmente as do casco histórico, como un complemento necesario e oportuno, do labor de adecentamento dos edificios por parte dos seus titulares, frecuentemente baixo a incitación municipal. Non ten nada que ver co novo nomenclator de vías e espazos públicos, que ou carecían del, ou estaban duplicados, que se levou a cabo hai xa un tempo por acordo unánime da Corporación. Nesta ocasión non é unha nova denominación, posto que non se alteran os actuais nomes. Certamente, durante o proceso aprezouse que pesie ás correccións e engadidos recentemente realizados, seguen existindo duplicidades e repeticións. Por citar un exemplo existen tres advocacións para o topónimo Guimarán: rúa, praza e baixada.

Mais agora a novidade consiste en facer constar, xunto co actual, os nomes antigos ou tradicionais, ainda que se desbotaron aqueles que remitían a alcumes, ou denominacións ambiguas ou mal soantes, e tamén os cambios máis recentes ou efémeros. Poñamos algún exemplo. A rúa Pasaron y Lastra rotulouse así no ano 1946, mais desde tempo imemorial era a rúa da Confitaría. Mais ocorre que once anos antes un acordo municipal, a instancias dun concelleiro, dedicoulla a Lope de Vega, como un máis dos actos comemorativos do terceiro centenario da morte do sonado escritor, coordenados por unha comisión constituida ao efecto e presidida polo director do Instituto de Segundo Ensino Desiderio Gutiérrez de Castro. Con todo, tivo moi pouco eco. Tampouco foi moito mais aló o acordo corporativo de agradecimento ao deputado por Lugo Manuel Becerra, consistente en darlle o seu nome ao peirao de Mirasol e á actual rúa de Buenos Aires, A decisión, de 15 de outubro de 1935, é adoptada “por aclamación” nun claro anticipo do que logo viría e nunha ousada mostra de afouteza, tendo en conta que sete dos concelleiros non foran elixidos, senón nomeados a dedo polo Gobernador Civil, incluído o Alcalde O cambio denominativo foi breve, case tanto como a permanencia do Sr.Becerra como ministro de Instrucción Pública a finais de aquel ano: apenas quince dias, ainda que xa fora, entre outros cargos, Subsecretario de Obras Públicas en 1934.

Os casos de acordos oportunistas, pero que logo non callaron en materia de rotulación de ruas, é certamente dilatado. Vinte anos despois da fuxidía homenaxe a Manuel Becerra, ou sexa en plena efervescencia do vello réxime, en 1955, a Corporación nun insólito alarde aperturista, fai constar en acta o seu pesar polo falecimento de Sir Alexander Fleming e, para perpetuar a sua memoria, dedícalle unha rúa das que está previsto abrir no novo grupo de vivendas de San Miguel e, mesmo, comunican o acordo á Embaixada da Sua Maxestade Británica en Madrid.

Finalmente, nesta sumaria nota divulgativa cómpre destacar que as novas placas proceden da factoría de Sargadelos, un proxecto na súa orixe tan vencellado a Ribadeo por medio da figura do seu fundador, Antonio Raim,undo Ibáñez. Aparte de campar nelas as armas da vila, a greca ou reberete que as rodea está inspirado nunha ornamentación da Torre dos Moreno. Finalmente, as referencias aos antigos nomes asoleiran en fontes documentais, bibliográficas e arquivísticas. Algunhas proceden de nomes de oficios, profesións ou actividades, como Carnizaría, Fornos ou Confitaría, outras obedecen á ubicación de servizos fundamentais, como a do Correo, pola súa xeerarquía urbana, como a Maior ou Grande, que tamén se chamou da Paz sobre a que ae abría a Porta da Vila, derivadas de apelidos coma de Ares, ou pola situación, como Tras da Cerca, etc. Hai algunha outra precisión, xa que resulta moi difícil, ás veces, condensar en poucas palabras a historia dunha rúa. Poñamos por caso, a de San Francisco: chamouse de Tras San Francisco e o tramo máis próximo á actual rúa da Deputación Provincial, do Pontigo e, por iso, se fai constar tendo en conta a raizame do topónimo.

En fin, imha plausible iniciativa, agora que a zona antiga está en proceso de revalorización, por medio da súa paulatina rehabilitación. Restan cousas por facer, ainda que non sexan doadas e que quizais se poidan abordar no futuro, como a recuperación de treitos da antiga muralla, así como a correspondente sinalización.


Publicado por a333 @ 6:17  | nombrehistoriarib.contem
Comentarios (0)  | Enviar
Comentarios