LEMBRANZA DA PRIMEIRA MULLER CONCELLEIRA
Eduardo Gutiérrez
Cronista Oficial de Ribadeo
Hai uns días faleceu Pilar Real Cangas e tan lutuosa noticia ben merece unha lembranza, porque ademais do adeus que merece como persoa, hai unha circunstancia histórica que cómpre lembrar, xa que foi a primeira muller concelleira en Ribadeo. Formou parte da inicial Corporación democratica, xa que as reformas no ámbito local tardaron moito en producirse.
Foron aqueles anos dunha grande actividade política. As inquedanzas e o activismo clandestino dos derradeiros anos do franquismo, abrollaron logo da morte do dictador e xa en outubro de 1976 tivo lugar a primeira manifestación legal, en protesta polo mal estado da estrada de Reme a Vilamar. Nese mesmo ano a conflitividade subiu de tono pola oposición a un primeiro proxecto de Ponte dos Santos, con sete pilastras na Ría, e un ano despois foi desaloxada do seu local a Agrupación Cultural Francisco Lanza, pola presenza de bandeiras galegas na romaxe de Santa Cruz. Convocadas eleccións municipais concorreron candidaturas de Unión de Centro Democrático (4), Candidatura Progresista Independente (4), Alianza Popular (3) e Partido Socialista (2). Non houbo acordo entre os grupos de xeito que resultou eleito o cabeza da lista mais votada, ainda que co paso do tempo a Candidatura Progrsista co apoio de UCD e do PSOE, acadaría a alcaldía. Naquela coxuntura confluiron diversos colectivos e sensibilidades que conformaron a CPI . Nela estaba Pili Real, que tomaría posesión ao dimitir un dos concelleiros, converténdose asi na primeira muller en acceder á Corporación. Algo que hoxe parece tan normal, non o era daquela e quizais para enxergar mellor o futuro compre partir de dados moi próximos, pero desde logo moi significativos. Sempre o son os iniciais polo que teñen de creba co pasado e de comezo.
Pili Real foi unha boa muller, altruista, sinxela e sen a máis levián afectación. E respondía ao adxectivo que denominaba a candidatura na que se integrou.